14/1/15

Comunicado ‘Je suis Charlie’ da AGPI

COMUNICADO DE CONDENA DO ATENTADO CONTRA O SEMANARIO FRANCÉS ‘CHARLIE HEBDO’

Tras o terrible atentado perpetrado en París na sede do semanario satírico Charlie Hebdo, en que morreron doce persoas, entre xornalistas, debuxantes e policías, e resultaron gravemente feridas outras 11, queremos expresar a nosa máis firme condena e repulsa ante quen pretende limitar a liberdade de prensa e expresión en nome dunha relixión ou unha ideoloxía determinada.

Vivimos tempos complicados en canto á convivencia entre culturas e diferentes credos, pero non existe ningunha razón que xustifique o asasinato dunha persoa por moito que a súa opinión contradiga ou mesmo poida chegar a ofender as opinións e crenzas propias. A vida humana, a liberdade de prensa e a liberdade de expresión deberían estar por riba de calquera diverxencia ou conflito, e a súa garantía, por parte de todos os estados e todos os cidadáns, debería ser un compromiso incuestionable e irrenunciable.

Desde AGPI, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, e de todos os compañeiros ilustradores das demais asociacións de España, consideramos que o feito de continuar a defender incondicionalmente a liberdade de expresión e continuar a traballar como xeradores de imaxes, de ideas e de opinión, constitúen a mellor homenaxe que podemos brindar ás vítimas e ás súas familias, ás que desexamos transmitir a nosa solidariedade e o noso apoio nun momento tan inxustamente doloroso.

A Coruña, 10 de xaneiro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario